Voto das persoas que residen temporalmente no estranxeiro (ERTA)

Os electores e electoras que se atopen temporalmente no estranxeiro entre a convocatoria dun proceso e a súa celebración e desexen votar, deberán solicitalo previamente.

O impreso de solicitude poderá encontralo e descargalo nos Consulados e Embaixadas.

A solicitude cuberta deberá entregarse persoalmente no Consulado ou Embaixada.

Para poder formular a solicitude deberán estar inscritos no Rexistro de Matrícula Consular como non residentes. Ambos os trámites (solicitude e inscrición) poden realizarse no mesmo acto.

O prazo para presentar a solicitude finaliza o día 11 de maio.

A Oficina do Censo Electoral enviaralle a documentación para votar.

Sexa como for, os envíos deberán estar efectuados non máis tarde do 28 de maio. A este prazo terá que sumarse o tempo que tarde en chegar a documentación ao domicilio no estranxeiro.

En que consiste esta documentación electoral que remite a Oficina do Censo Electoral?

  • Unha folla informativa.
  • Papeletas e sobre de votación.
  • O certificado de inscrición no censo electoral.
  • Un sobre no que debe figurar o enderezo da Mesa electoral que lle corresponda.
  • Un impreso oficial destinado a posibilitar o reintegro dos gastos de franqueo, se for o caso.

O elector ou a electora deberá seleccionar a súa opción de voto e introducila no sobre de votación.

A continuación, introducirá no sobre dirixido á Mesa electoral o seguinte:

  • Sobre de votación coa papeleta escollida (ou non incluirá papeleta ningunha se o que desexa é votar en branco).
  • O certificado de inscrición no censo.
  • Se así o desexa, o impreso cuberto para a devolución dos gastos do envío.

Ten ata o día 5 de xuño para remitir este sobre por correo certificado.

Será indispensable para a validez destes votos que conste claramente no sobre un cuño ou outra inscrición oficial dunha Oficina de Correos do Estado correspondente, que certifique de modo indubidable o cumprimento dos prazos previstos.

O servizo de Correos conservará ata o día da votación a correspondencia dirixida á Mesa e trasladaraa ás 9 da mañá e ata as 20 horas do mesmo día.

Máis información na Embaixada ou Consulado e na web do Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación e a web do INE