A presentación de candidaturas nas Eleccións ao Parlamento Europeo 2024
A Xunta Electoral competente para todas as operacións en relación coa presentación e proclamación de candidatos nas Eleccións ao Parlamento Europeo é a Xunta Electoral Central (artigo 220 Lei Orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do Réxime Electoral Xeral).
O Secretario ou Secretaria da Xunta Electoral outorgará un número correlativo por orde de presentación a cada candidatura presentada e esta orde será gardada en todas as publicacións (artigo 46.9 da Lei Orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do Réxime Electoral Xeral).
Os partidos, federacións, coalicións e agrupacións de electores e electoras poden presentar candidaturas ás Eleccións ao Parlamento Europeo.
Para iso, precisan acreditar as sinaturas de 15.000 electores e electoras, ou ben poden substituír este requisito pola presentación de sinaturas de 50 cargos electos, sexan Deputados e Deputadas, Senadores e Senadoras, Deputados e Deputadas españois do Parlamento Europeo, integrantes das Asembleas Lexislativas das Comunidades Autónomas ou das Corporacións Locais e alcaldes e alcaldesas pedáneos. Este último requisito non será aplicable para a agrupación de electores e electoras.
Ningún elector ou electora ou cargo electo pode dar a súa sinatura para a presentación de varias candidaturas.
Os partidos, federacións, coalicións e agrupacións de electores e electoras poden indicar, no momento de presentación de candidaturas perante a Xunta Electoral Central, o ámbito territorial no que desexan repartir as súas papeletas, cando for inferior ao ámbito estatal e sempre que coincida. polo menos, coas seccións electorais existentes nunha Comunidade Autónoma (artigo 221.4 da Lei Orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do Réxime Electoral Xeral).
Son elixibles os cidadáns e cidadás da Unión Europea maiores de idade que, posuíndo a calidade de elector ou electora, non se encontren incursos ou incursas nalgunha das causas recollidas nos artigos 6 e 210 bis da Lei Orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do Réxime Electoral Xeral.
O prazo de presentación de candidaturas vai do 1 ao 6 de maio. As candidaturas presentadas publícanse no Boletín Oficial do Estado o día 8 de maio e as candidaturas proclamadas publícanse o 14 de maio (artigos 47.1, 220.5 da Lei Orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do Réxime Electoral Xeral)
Os partidos e federacións que establezan un pacto de coalición para concorrer conxuntamente a unhas eleccións deben comunicalo á Xunta no prazo de dez días seguintes á convocatoria (17 a 26 de abril).
Nesta comunicación débese facer constar a denominación da coalición, as normas polas que se rexe e as persoas titulares dos seus órganos de dirección e coordinación.
Instrución 1/2010, do 9 de setembro, da Xunta Electoral Central, sobre aplicación do artigo 44.2 da Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral no relativo á constitución de coalicións electorais.
As agrupacións de electores e electoras son formacións políticas que se constitúen co aval dun número variable de sinaturas de electores e electoras e exclusivamente para poder presentar candidatura nun proceso electoral concreto e determinado.
Polo tanto, non teñen vocación de permanencia ou natureza de asociación e non precisan inscribirse no Rexistro de Partidos Políticos.
Cada agrupación de electores e electoras é autónoma e independente de calquera outra. O seu ámbito espacial de actuación é a circunscrición electoral -sen espazo para candidaturas colectivas nin que abrangan máis dunha circunscrición, nin federacións ou coalicións entre elas- e o seu ámbito temporal de vixencia é o proceso electoral concreto para o que se constituíu, sen que poida estenderse máis aló do mesmo.
Para presentar candidaturas ás Eleccións ao Parlamento Europeo, as agrupacións de electores e electoras deberán acreditar as sinaturas de 15.000 electores e electoras.
Á presentación da candidatura (que se realiza nos formularios que se poden descargar desta web) debe acompañarse a documentación recollida na Instrución da Xunta Electoral Central, do 15 de marzo de 1999
-
Fotocopia simple do DNI de cada candidato e candidata:
-
Escrito en papel normal asinado por cada candidato e candidata no que declare baixo xuramento non estar suxeito ou suxeita a penas de inhabilitación para ser candidato ou candidata, e que non estar incurso ou incursa en causa de inelixibilidade e formule, expresamente, a aceptación da súa candidatura.
-
Este escrito pode ser un único documento asinado por todos os candidatos e candidatas, ou un só asinado individualmente.
-
A declaración achégase con fórmula de xuramento ou promesa de non estar suxeito ou suxeita a penas de inhabilitación para ser candidato ou candidata, aínda que se pode substituír polo certificado negativo de antecedentes penais (Acordos da Xunta Electoral Central do 3 de maio de 1999).
Pola súa banda, e segundo o Real Decreto 100/2014, do 21 de febreiro, polo que se establecen determinadas disposicións sobre o exercicio do dereito ao sufraxio pasivo nas eleccións ao Parlamento Europeo
“1.- Os cidadáns e as cidadás da Unión Europea residentes en España, nacionais doutro Estado membro que presenten a súa candidatura perante a Xunta Electoral Central para exerceren o dereito de sufraxio pasivo nas eleccións ao Parlamento Europeo deberán achegar, ademais do documentos requiridos aos candidatos e candidatas de nacionalidade española, unha declaración formal na que conste:
-
A súa nacionalidade, data e lugar de nacemento, o seu último enderezo no Estado membro de orixe e o seu enderezo en España;
-
Que non se presentan simultaneamente como candidatos e candidatas ás eleccións ao Parlamento Europeo noutro Estado membro;
-
Se for o caso, a entidade local ou a circunscrición de Estado membro de orixe en cuxo censo electoral estiveron inscritos en último lugar;
-
Que non foron privados do dereito de sufraxio pasivo no seu Estado membro de orixe mediante resolución xudicial ou resolución administrativa de carácter individual, sempre que esta sexa recurrible perante os tribunais. Así mesmo, a Xunta Electoral Central realizará as comprobacións do cumprimento dos requisitos de elixibilidade previstos na LOREG”.
“Ademais, esíxeselles certificado de inscrición no censo electoral en virtude da manifestación de vontade de exercer o dereito de sufraxio en España nas eleccións das que se trate. (Directiva 93/109/CE do Consello, do 6 de decembro de 1993, modificada pola Directiva 2013/1/UE do Consello, do 20 de decembro de 2012, e Instrución da Xunta Electoral Central do 15 de marzo de 1999, BOE núm. 67, do 19 de marzo de 1999)
As candidaturas deberán presentarse con toda a súa documentación en papel, aínda que non necesariamente no modelo oficial, polo que é válida a presentación en papel común, sempre que se cumpran todos os requisitos para o efecto (Acordos da Xunta Electoral Central do 13 de maio de 1999 e do 23 de abril de 2009).
A Administración Electoral (Xunta Electoral) ten o deber de colaborar cos partidos para corrixir irregularidades, pois está en xogo o Dereito fundamental a acceder en condicións de igualdade aos cargos públicos, que aquí se manifesta no exercicio do dereito ao sufraxio pasivo, que debe recibir un trato respectuoso e favorable durante o proceso electoral. (STC 86/1987 do 1 de xuño).
Non se publicarán no Boletín Oficial correspondente (Ac. XEC do 10 de xaneiro de 1996) as candidaturas non proclamadas, notificándolle ao ou á representante o acordo motivado de non proclamación, con indicación dos recursos.