Mesas electorais
A Mesa electoral forma parte da Administración electoral, xunto coas Xuntas Electorais.
Está composta por tres persoas -un Presidente ou Presidenta de Mesa e dous vogais que sexan menores de setenta anos (aínda que aos sesenta e cinco anos poderán manifestar a súa renuncia no prazo de sete días)- e saiban ler e escribir.
As persoas que forman parte da Mesa serán elixidas por sorteo entre todas as persoas censadas na Mesa.
O Presidente ou Presidenta debe ter o título de Bacharelato ou o de Formación Profesional de segundo grao ou, subsidiariamente, o de Graduado Escolar ou equivalente.
A selección das persoas que forman parte das Mesas corresponde aos Concellos, mediante sorteo realizado en sesión plenaria, aínda que o sorteo se pode realizar perante a Xunta de Goberno Local, no caso de que o Pleno do Concello delegase nela esa competencia e sempre que se leve a cabo en sesión pública. Os sorteos realizaranse entre o 11 e o 15 de maio
Todas as persoas que forman parte da Mesa, así como os suplentes que resulten finalmente designados ou designadas como membros titulares da Mesa:
- Percibirán unha axuda de 70 euros para cubrir os custos.
- Terán dereito a unha redución da súa xornada de traballo de cinco horas o día inmediatamente posterior.
- Estarán protexidos polo sistema da Seguridade Social fronte ás continxencias e situacións que poidan derivarse da súa participación nas eleccións.
Os cargos de Presidente ou Presidenta e vogais das Mesas electorais son obrigatorios e tamén o son os cargos de suplentes. Non poden ser desempeñados por quen se presente como candidato.
O Presidente ou Presidenta, os vogais e suplentes que non acudan a desempeñar a súas funcións incorrerán en pena de prisión de tres meses a un ano ou multa de seis a vinte e catro meses.
A súa designación debe ser notificada aos interesados e interesadas entre o 11 e o 18 de maio (3 días desde o sorteo). Coa notificación entregarase un Manual de Instrucións para as persoas que integran as Mesas electorais, supervisado pola Xunta Electoral Central e aprobado por Acordo do Consello de Ministros.
Quen fose designado Presidente, Presidenta e vogal das Mesas, dispón dun prazo de sete días para alegar perante a Xunta Electoral de Zona causa xustificada e documentada que lle impida a aceptación do cargo. A Xunta resolve sen ulterior recurso no prazo de cinco días e comunica, no seu caso, a substitución producida ao primeiro suplente.
Se posteriormente, calquera dos designados estivese en imposibilidade de acudir ao desempeño do seu cargo, debe comunicalo á Xunta Electoral de Zona, polo menos 72 horas antes do día das eleccións, achegando as xustificacións pertinentes.
Se o impedimento sobrevén despois dese prazo, o aviso á Xunta terá de realizarse de maneira inmediata e, en todo caso, antes da hora de constitución da Mesa. En tales casos, a Xunta comunica a substitución ao correspondente suplente, se hai tempo para facelo, e procede a nomear a outro, se fose preciso.
O Presidente ou a Presidenta, os dous vogais de cada Mesa electoral e os respectivos suplentes, se os houber, reúnense ás oito horas do día 9 de xuño no local correspondente.
Se o Presidente ou Presidenta non acudiu, substitúeo/a o seu primeiro suplente. No caso de faltar tamén este, será substituído por un segundo suplente, e se este tampouco acudiu, toma posesión como Presidente ou Presidenta o primeiro vogal, ou o segundo vogal, por esta orde. Os vogais que non acudisen ou que tomen posesión como Presidentes serán substituídos polos seus suplentes.
Non pode constituírse a Mesa sen a presenza dun Presidente ou Presidenta e dous vogais. No caso de que non poida cumprirse este requisito, os membros da Mesa presentes, os suplentes que acudisen ou, no seu defecto a autoridade gobernativa, estenden e subscriben unha declaración dos feitos acaecidos e envíana por correo certificado á Xunta Electoral de Zona, a quen comunican tamén estas circunstancias telegráfica o telefonicamente.
A Xunta, en tal caso, designa libremente as persoas que terán que constituír a Mesa electoral, podendo mesmo ordenar que forme parte dela algún dos electores que se atope presente no local. En todo caso, a Xunta informará o Ministerio Fiscal do sucedido para o esclarecemento da posible responsabilidade penal dos membros da Mesa ou dos seus suplentes que no compareceron.
Se pese ao establecido no parágrafo anterior non puidese constituírse a Mesa unha hora despois da legalmente establecida para o inicio da votación, as persoas designadas no parágrafo terceiro deste artigo comunicarán esta circunstancia á Xunta Electoral de Zona, que convocará para unha nova votación na Mesa, dentro dos dous días seguintes. Unha copia da convocatoria será fixada inmediatamente na porta do local electoral e a Xunta procederá de oficio ao nomeamento das persoas que formarán parte da nova Mesa.