Voto por correo dende España
Como podo votar por correo se vivo en España?
Podes solicitar o voto por correo se resides en España ata o 30 de maio, en persoa na oficina de Correos, ao cubrir o impreso de solicitude dispoñible na oficina ou nesta páxina web desde o día da convocatoria das eleccións, ou de forma telemática en www.correos.es(Abrirase unha nova xanela) ao identificarte mediante Certificado dixital ou DNI electrónico e Autosinatura.
É moi importante lembrar que, desde o momento de solicitude do voto por correo, cando esta for aceptada, xa non poderás votar presencialmente na mesa electoral o día das eleccións.
Na solicitude indicarás o enderezo postal ao que queres que se che envíe a documentación electoral (pode ser o teu lugar de traballo e mesmo un apartado postal).
A Oficina do Censo Electoral remitirache por correo certificado ao enderezo que indicaches a seguinte documentación:
Unha papeleta de cada unha das formacións políticas que se presenten.
Un sobre de votación.
O teu certificado de inscrición no censo.
Un sobre no que estará escrita a información da túa mesa electoral.
Unha folla explicativa do procedemento de votación.
Esta documentación debe ser recibida por ti persoalmente.
Cando recibas a documentación, elixe a papeleta de votación e introdúcea no sobre de votación correspondente (ou non inclúas a papeleta se queres votar en branco).
Introduce o sobre de votación e o certificado de inscrición no censo no sobre que indica o enderezo da túa mesa electoral.
Lembra: non introduzas no sobre de votación ningún documento que acredite a túa identidade, pois neste caso o teu voto sería considerado nulo pola mesa.
Leva este sobre a unha oficina de Correos e envíao por correo certificado en persoa, identificándote mediante DNI, pasaporte ou permiso de conducir, ata o 5 de xuño no horario habitual das oficinas.
Se non podes realizar a entrega en persoa, deberás outorgar unha autorización asinada e achegar unha fotocopia do teu documento de identidade para que o faga outra persoa por ti.
Este envío é gratuíto.
O día das eleccións o servizo de Correos enviará todos os sobres que conteñen os votos por correo ás mesas electorais ás 9 da mañá.
Seguirá trasladando os envíos postais que se sigan recibindo ao longo do día, ata as 20:00 horas.
A esa hora, unha vez finalizada a votación e antes do escrutinio, a mesa electoral introducirá na urna os sobres de votación recibidos por correo.