Voto das persoas que residen permanentemente no estranxeiro (CERA)

Os españois e españolas que residan permanentemente no estranxeiro e que figuren no Censo de Residentes Ausentes no Estranxeiro (CERA) poderán votar nas eleccións ao Parlamento Europeo do 9 de xuño.

As Delegacións Provinciais da Oficina do Censo Electoral remitirán de oficio, sen presentar ningunha solicitude, ao enderezo da inscrición de cada persoa de nacionalidade española inscrita no Censo dos Electores Residentes-Ausentes que viven no Estranxeiro, a documentación necesaria para votar.

Realizaranse dous envíos:

Nun primeiro envío recibirán:

  • Sobres de votación.

  • Dous certificados idénticos de estar inscrito/a no Censo de Electores Residentes-Ausentes que viven no Estranxeiro.

  • Sobre dirixido á Xunta Electoral Provincial.

  • Sobre dirixido ao Consulado ou Embaixada.

  • Unha folla sobre como exercer o dereito a voto e o enderezo da páxina web oficial onde se exporán as candidaturas e onde estarán dispoñibles os xogos de papeletas descargables.

  • A relación de centros autorizados para depositar os votos en urna no ámbito da súa demarcación consular.

  • Impreso para a devolución dos gastos do envío do voto por correo.

Co fin de garantir o secreto do voto, só poderá efectuarse a descarga telemática do xogo completo de papeletas.

O envío da documentación pola Oficina do Censo Electoral deberá efectuarse por correo certificado a partir do día 4 de maio e ata o 10 de maio, aínda que a este prazo haberá que sumarlle o tempo que tarde en chegar a documentación ao domicilio no estranxeiro.

Nun segundo envío, a Oficina do Censo Electoral remitirá as papeletas oficiais ao enderezo da inscrición de cada elector residente ausente a partir do 15 de maio e non máis tarde do 19 de maio, se non foi impugnada a proclamación de candidaturas e, como moi tarde o 25 de maio se houber impugnación a algunha candidatura.

As oficinas consulares garantirán a dispoñibilidade de papeletas oficiais de voto nos centros de votación, así como sobres de votación e medios informáticos necesarios para descargar o resto da documentación necesaria para votar durante os días habilitados para a votación presencial.


O elector ou electora deberá seleccionar a súa opción de voto e introducila no sobre de votación.

A continuación, no sobre dirixido á Xunta Electoral Provincial, introducirá o seguinte:

  • Sobre de votación coa papeleta escollida, ou sobre baleiro se decide votar en branco.
  • Un dos certificados de inscrición no censo (se vai votar por correo, no reverso do certificado constará a sinatura e o número do pasaporte ou do DNI do elector ou electora).
  • Fotocopia do pasaporte ou do DNI expedidos polas autoridades españolas, ou certificación de nacionalidade ou de inscrición no Rexistro de Matrícula Consular expedida polo Consulado de España no país de residencia.

  1. Depositalo persoalmente nas urnas dispostas para iso na súa Embaixada ou Consulado ou nos centros habilitados para iso.

    Poderá facelo entre o 1 e o 6 de xullo, ambos os días incluídos.

    Deberá entregarlle ao funcionario consular, previa acreditación da súa identidade, o segundo certificado de inscrición no censo e depositará o sobre dirixido á Xunta Electoral Provincial, unha vez o funcionario consular asine no reverso de dito sobre e estampe nel o selo da Oficina Consular no que conste a data do seu depósito.

  2. Remitilo por correo certificado.

    Poderá facelo ata o día 4 de xuño.

    Neste caso, deberá introducir no sobre dirixido ao Consulado ou Embaixada o seguinte:

    • Sobre dirixido á Xunta Electoral Provincial co seguinte contido.

      • Sobre de votación coa papeleta.

      • O certificado de inscrición no censo, en cuxo reverso constará a sinatura e o número do pasaporte ou do DNI do elector ou electora.

      • Fotocopia do pasaporte ou do DNI expedidos polas autoridades españolas, ou certificación de nacionalidade ou de inscrición no Rexistro de Matrícula Consular expedida polo Consulado de España no país de residencia.

    • O outro certificado de inscrición no censo.

    • Se así o desexa, o impreso cuberto para a devolución dos gastos do envío naqueles países onde non houbese aberto un apartado de correos.

Será indispensable para a validez destes votos que conste claramente no sobre dirixido á Xunta Electoral correspondente o selo da Oficina Consular de Carreira ou Sección Consular da Misión Diplomática correspondente, que certifique de modo indubidable o cumprimento dos prazos previstos.

Finalizado o prazo para depositar o voto en urna, todos os votos (recibidos por correo ou depositados en urna) deberán ser remitidos á Oficina que para estes efectos se constitúa no Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, que procederá ao seu envío urxente ás Xuntas Electorais encargadas do escrutinio.

Máis información na Embaixada ou Consulado e na web do Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación e a web do INE

Se algún votante do CERA estiver temporalmente en España durante a convocatoria dun proceso electoral, poderá solicitar o voto por correo a partir da data da convocatoria e ata o día 30 de maio, sen que isto supoña a súa baixa no CERA.

Para isto, deberá cubrir a solicitude (en calquera oficina do Servizo de Correos ou por solicitude electrónica), indicando expresamente a súa inscrición no censo de españois residentes no estranxeiro e dirixila á correspondente Delegación Provincial da Oficina do Censo Electoral. Indicará un domicilio en España onde desexa recibirá documentación.

Se xa se enviou a documentación ao domicilio de inscrición no estranxeiro, enviaráselle un certificado de inscrición coa marca de “DUPLICADO”.

Recibida a documentación electoral no enderezo de España que sinalara na solicitude, o elector enviará o seu voto por correo certificado á Xunta Electoral Provincial, non máis tarde do 5 de xuño.

Estes electores e electoras non poderán votar persoalmente na Mesa electoral.