APODERADOS E INTERVENTORES

Poden portar emblemas ou adhesivos da entidade política que representan, pero só como identificación desa candidatura e sen que isto sexa considerado propaganda electoral.

As persoas representantes de cada candidatura poden outorgar poder a favor de calquera cidadán ou cidadá, maior de idade e que estea en pleno uso dos seus dereitos civís e políticos, ao obxecto de que exerza a representación da candidatura nos actos e operacións electorais. Trátase do apoderado ou apoderada.

Apoderados e apoderadas poden acceder libremente a todos os locais electorais, examinar o desenvolvemento da votación e do escrutinio en calquera Mesa, formular reclamacións e protestas e pedir certificacións.

Se non houber interventores da súa candidatura, poden actuar como tales perante a Mesa, participando nas súas deliberacións con voz e sen voto. Deben identificarse perante a Mesa, exhibindo as súas credenciais e o seu Documento Nacional de Identidade.

Non votan na Mesa se non figuraren no censo desta.

Cada candidatura pode nomear, a través do seu representante, ata tres días antes da elección, dous interventores e interventoras por cada Mesa electoral, mediante a expedición de credenciais talonarias, coa data e firma ao pé do nomeamento.

Estes interventores e interventoras poden asistir á Mesa e participar nas súas deliberacións con voz pero sen voto. Para estes efectos, os interventores e interventoras de cada candidatura acreditados ante a Mesa poden substituírse entre si.

Desempeñan a súa función só na Mesa ante a que están acreditados.

Poden formular reclamacións e protestas e pedir certificacións.

Votan na Mesa ante a que están acreditados, aínda que non estean incluídos no censo electoral da mesma, a condición de que figuren inscritos no censo da circunscrición correspondente a esa Mesa. En caso contrario, só poderán votar por correo na Mesa en cuxo censo figuren inscritos.

“O voto dos interventores deberá facerse na Mesa perante a que estean acreditados cando esta Mesa forme parte da circunscrición electoral na que lle corresponda votar en todos os procesos electorais convocados, debendo en cambio facelo por correspondencia en todos eles se nalgún destes procesos non se dá esa circunstancia” (Instrución 1/2019 da Xunta Electoral Central, do 23 de xaneiro).