El Parlamento Europeo
O domingo 9 de xuño celebraranse en España as Eleccións ao Parlamento Europeo. Nestas eleccións, os cidadáns e as cidadás dos Estados membros da Unión Europea elixen os seus representantes como deputados e deputadas no Parlamento Europeo.
Esta data sae do prazo establecido polo Consello da Unión Europea para a súa celebración, do 6 ao 9 de xuño, onde os 27 Estados membros determinan a data das eleccións.
6 de xuño | 7 de xuño | 8 de xuño | 9 de xuño |
---|---|---|---|
Países Baixos | Irlanda, República Checa* | Letonia, Malta, Eslovaquia, República Checa*, Italia** | Bélxica, Bulgaria, Dinamarca, Alemaña, Estonia, Grecia, España, Francia, Croacia, Chipre, Lituania, Luxemburgo, Hungría, Austria, Polonia, Portugal, Romanía, Eslovenia, Finlandia, Suecia, Italia**, |
* Eleccións en República Checa en dous días: 7 e 8 de xuño
** Eleccións en Italia en dous días: 8 e 9 de xuño
O Parlamento Europeo é unha das 7 institucións que integran a Unión Europea, xunto coa Comisión Europea, o Consello da Unión Europea, o Consello Europeo, o Banco Central Europeo, o Tribunal de Contas Europeo e o Tribunal de Xustiza da Unión Europea.
É a única asemblea parlamentaria multinacional do mundo elixida por sufraxio directo.
É a institución de representación dos cidadáns e das cidadás da Unión Europea, que representa os seus intereses no proceso lexislativo da Unión e garante o funcionamento democrático doutras institucións.
Exerce, xunto co Consello da Unión Europea, a función lexislativa e orzamentaria, así como as funcións de control político e consultivas. Entre elas destacamos:
- Conxuntamente co Consello, formula e aproba a lexislación na Unión, dentro das súas competencias (Artigos 2 a 6 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea)
- Aborda importantes cuestións políticas, económicas e sociais e defende os valores da Unión.
- Aproba o orzamento da Unión xunto co Consello.
- Elixe o Presidente ou a Presidenta da Comisión Europea e nomea os seus comisarios.
O regulamento das Eleccións ao Parlamento Europeo vén recollido na Acta de 1976 e nas súas posteriores modificacións.
Nesa Disposición establécese que serán convocadas por cada unha das autoridades nacionais competentes. Así, no caso español, foron convocadas por Real Decreto “Real Decreto”)
O procedemento electoral polo que se rexen estas eleccións está recollido no Título VI (Arts. 210 e ss.) da Lei Orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do Réxime Electoral Xeral.
Desde 1979, os deputados e as deputadas son elixidos por sufraxio universal directo, por un período de cinco anos. As últimas eleccións celebráronse en maio de 2019.
O procedemento réxese polas normas internas de cada Estado membro da Unión, de acordo coas súas propias leis e costumes electorais, rexéndose polos principios de proporcionalidade, igualdade entre homes e mulleres e voto secreto.
Por outra banda, establécese a posibilidade de dividir o seu territorio en circunscricións electorais ou establecer unha circunscrición electoral única, como no caso de España.
España segue un sistema de listas pechadas. Isto significa que, ao votar, non se pode modificar a orde de preferencia dos candidatos e das candidatas na lista.
O reparto dos escanos está estipulado nos Tratados europeos (Tratado da Unión Europea e Tratado de Funcionamento da Unión Europea), baseado no principio de representación proporcional decrecente: os países con maior poboación teñen máis escanos cós países menos poboados. Ningún país pode ter menos de 6 nin máis de 96 deputados.
Segundo os Tratados, o número máximo de deputados non poderá superar os 751 (750 deputados máis o Presidente ou a Presidenta).
Após a saída do Reino Unido da Unión e a Decisión do Consello Europeo, en setembro de 2023, de aumentar o número de escanos como consecuencia dos cambios demográficos, o número de escanos pasará nestas Eleccións europeas a 720.
A España correspóndenlle un total de 61 deputados, consonte a norma de representación proporcional decrecente.
En España, a circunscrición electoral é o territorio nacional, polo que hai unha única circunscrición. As formacións políticas que presentan candidaturas fano a través dunha única lista común a todo o territorio nacional.
Porén, as candidaturas poderán solicitar que o ámbito de difusión das súas papeletas sexa inferior ao estatal, cunha denominación, sigla e símbolos diferentes, e cambiar os candidatos e candidatas das listas (Art. 221 da Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral).
As primeiras eleccións ao Parlamento Europeo celebráronse en 1979, e desde entón cada cinco anos. Celebráronse nove eleccións e as do 9 de xuño serán as décimas para a institución europea.
Desde a nosa adhesión á Unión en 1986, España participou en oito eleccións ao Parlamento Europeo, sendo as do 9 de xuño a súa novena participación.
Os deputados e as deputadas distribúense en grupos políticos, segundo afinidades políticas. Actualmente distribúense en 7 grupos políticos.
O número de deputados e deputadas necesario para constituír un grupo é de 23; en cada grupo debe estar representada polo menos a cuarta parte dos Estados membros. Está prohibido pertencer a máis dun grupo político.
A idade mínima para votar e presentarse como candidato ás Eleccións ao Parlamento Europeo está establecida pola lexislación nacional. A idade para votar é de 18 anos na maioría dos Estados membros, agás en Grecia, que é de 17 anos, e en Bélxica, Alemaña, Malta e Austria, que é de 16 anos.
A idade mínima esixida para presentarse como candidato ás Eleccións europeas varía considerablemente, oscilando entre os 18 e os 25 anos.
O voto só é obrigatorio en cinco Estados membros: Bélxica, Bulgaria, Luxemburgo, Chipre e Grecia, onde a obriga legal de votar se aplica tanto aos nacionais como aos cidadáns da Unión non nacionais rexistrados.
Consonte o Artigo 10.2 da Acta do 20 de setembro de 1976, a información provisional sobre o resultado da elección ofrecida polo Goberno da Nación non poderá ser ofrecida ata o peche das urnas no Estado membro no que os electores votaran en último lugar.
A Unión conta actualmente con 27 estados membros: Alemaña, Austria, Bélxica, Bulgaria, Chipre, Croacia, Dinamarca, Eslovaquia, Eslovenia, España, Estonia, Finlandia, Francia, Grecia, Hungría, Irlanda, Italia, Letonia, Lituania, Luxemburgo, Malta, Países Baixos, Polonia, Portugal, República Checa, Romanía e Suecia.
O euro (€) é a moeda oficial de 20 dos 27 países da Unión. Estes países, que conforman a denominada zona do euro ou eurozona, son os seguintes: Alemaña, Austria, Bélxica, Chipre, Croacia, Eslovaquia, Eslovenia, España, Estonia, Finlandia, Francia, Grecia, Irlanda, Italia, Letonia, Lituania, Luxemburgo, Malta, Países Baixos, Portugal.
Aínda que son membros da UE, non son parte da eurozona Bulgaria, Dinamarca, Hungría, Polonia, República Checa, Romanía e Suecia.
A zona euro formada polos Estados membros da UE que adoptaron a moeda única non é estática: consonte o Tratado, todos os Estados membros da UE deberán ingresar nesta logo de reuniren as condicións necesarias, agás Dinamarca, que negociou unha cláusula de «exclusión voluntaria» que lle permite manterse á marxe da zona do euro.
Schengenland ou territorio Schengen é a denominación dada ao territorio que comprende aqueles Estados da Unión Europea que acordaron a creación dun espazo común cuxos obxectivos fundamentais son a supresión de fronteiras entre estes países, a seguridade, a inmigración e a libre circulación de persoas.
Actualmente son parte do territorio Schengen os seguintes países:
Alemaña, Austria, Bélxica, Croacia, Dinamarca, Eslovaquia, Eslovenia, España, Estonia, Finlandia, Francia, Grecia, Hungría, Italia, Letonia, Lituania, Luxemburgo, Malta, Países Baixos, Polonia, Portugal, República Checa e Suecia. Ademais, fóra da Unión Europea, tamén pertencen a este espazo Islandia, Liechtenstein, Noruega e Suíza.
As ideas que son alicerce da Unión Europea expuxéronse por primeira vez o 9 de maio de 1950, nun discurso pronunciado polo entón Ministro de Asuntos Exteriores francés, Robert Schuman. É por iso que o 9 de maio se conmemora como unha data clave para a UE.
A melodía que simboliza a UE procede da Novena Sinfonía, composta en 1823 por Beethoven, quen decidiu poñer música ao poema “Oda á Alegría”, escrito por Schiller en 1785.
O himno non só simboliza a Unión Europea, senón tamén a Europa nun sentido máis amplo. O poema de Schiller “Oda á Alegría” expresa a visión idealista da fraternidade entre os seres humanos, visión que compartía Beethoven.
En 1972, o Consello de Europa converteu o tema “Oda á Alegría” de Beethoven no seu himno. En 1985, foi adoptado polos dirixentes da UE como himno oficial da Unión Europea.
Actualmente, no Parlamento Europeo úsanse 24 linguas oficiais. Os documentos parlamentarios publícanse en todas as linguas oficiais da UE e os deputados teñen dereito a falar na lingua oficial que prefiran.
As 24 linguas oficiais son: alemán, búlgaro, checo, croata, danés, eslovaco, esloveno, español, estonio, finés, francés, grego, húngaro, inglés, irlandés, italiano, letón, lituano, maltés, neerlandés, polaco, portugués, romanés e sueco.
O Parlamento Europeo ten tres lugares de traballo: Estrasburgo, Bruxelas e Luxemburgo.
Estrasburgo acolle os períodos parciais de sesións plenarias mensuais e é considerada a sé do Parlamento.
Os períodos parciais de sesións plenarias e adicionais, así como as comisións do Parlamento, teñen lugar en Bruxelas.
A Secretaría Xeral e os seus servizos están situados en Luxemburgo, aínda que moitos dos seus funcionarios e colaboradores exercen o seu traballo en Bruxelas.
As eleccións ao Parlamento Europeo deben celebrarse entre un xoves e un domingo, dentro dos cales os países poden decidir a data exacta segundo os seus costumes e normas electorais. Nestas eleccións o período vai do 6 ao 9 de xuño de 2024, de acordo coa declaración do Consello sobre as datas das eleccións do 22 de maio de 2023.