Sistema electoral
En España, a circunscrición electoral para a elección de Deputados e Deputadas do Parlamento Europeo é o territorio nacional. Xa que logo, as formacións políticas que presentan candidaturas fano a través dunha lista única, pechada e común en todo o territorio nacional.
Non obstante, as candidaturas poderán solicitar que o ámbito de difusión das súas papeletas sexa inferior ao estatal, cunha denominación, sigla e símbolo diferentes, e cambiar os candidatos incluídos nestas listas (artigos 221.4 e 222 da Lei 5/1985, do Réxime Electoral Xeral)
As papeletas para este proceso son de cor branca e deberán estar impresas por unha soa cara e conter a denominación, sigla e símbolo do partido, federación, coalición ou agrupación de electores e electoras que presenten candidatura. Ademais, deben incluír a lista completa de nomes e apelidos dos candidatos e candidatas e suplentes que integran a candidatura.
As papeletas para as Eleccións ao Parlamento Europeo son elaboradas polo Ministerio do Interior, que se encarga de distribuílas ás Delegacións e Subdelegacións do Goberno, para que estas as remitan aos Concellos de toda España.
As primeiras papeletas e sobres de votación que se fabriquen serán entregadas á Oficina do Censo Electoral para esta atender as solicitudes de voto por correo e o voto dos electores residentes no estranxeiro.
A atribución de escanos en función dos resultados do escrutinio realízase conforme ás seguintes regras:
- Ordénanse de maior a menor, nunha columna, as cifras de votos obtidos polas candidaturas.
- Divídese o número de votos obtidos por cada candidatura por 1, 2, 3… ata un número igual ao de escanos que cubrir.
- Os escanos atribúense ás candidaturas que obteñan os cocientes maiores, segundo a orde decrecente.
Esta atribución é o que se denomina “Método D’Hondt”, que é o sistema tradicional de repartición de escanos entre candidaturas de forma proporcional ao número de votos obtidos.
Os votos poden ser válidos ou nulos.
Considérase voto válido:
- O voto a candidatura e
- O voto en branco
depositado na urna coas esixencias legais.
O voto en branco é:
- O sobre que non contén papeleta.
- O voto emitido a favor dunha candidatura legalmente retirada.
É nulo o voto emitido en sobre diferente do modelo oficial ou alterado; ou papeleta diferente do modelo oficial, alterada, rota ou esgazada; así como o emitido en papeleta sen sobre; e aquel no que non poida dilucidarse a vontade do electorado (por exemplo, sobre que conteña máis dunha papeleta de distintas candidaturas).
Serán tamén nulos: os votos emitidos en papeletas nas que se modificasen, engadisen ou riscasen os nomes dos candidatos e candidatas, ou se alterase a súa orde de colocación, así como aquelas nas que se introducise algunha lenda ou expresión, ou se producise calquera outra alteración de carácter voluntario ou intencionado.
No suposto de que o sobre de votación conteña máis dunha papeleta da mesma candidatura, computarase como un só voto válido. Serán computados como válidos aqueles votos emitidos en papeletas que conteñan un sinal, cruz ou aspa ao lado dalgún dos candidatos ou candidatas, na medida en que estas non teñan transcendencia ou entidade suficiente para considerar que con elas se alterase a configuración da papeleta ou se manifestase reproche dalgún dos candidatos ou da formación política á que pertenzan.