Escrutinio
O reconto de votos é denominado escrutinio.
Unha vez termina a votación, comeza o escrutinio nas Mesas.
O escrutinio realízase extraendo o Presidente ou Presidenta, un a un, os sobres da urna correspondente e lendo en voz alta a denominación da candidatura, ensinará cada papeleta, unha vez lida, a vogais, interventores, interventoras, apoderados e apoderadas.
Terminado o reconto, resolveranse por maioría as posibles dúbidas e/ou protestas que puidese haber. Posteriormente, o Presidente ou a Presidenta anunciará en voz alta o resultado, especificando o número de electores e electoras que figuran no censo, o de certificacións censuais achegadas, o número de votantes, o número de votos nulos, o de votos en branco e os votos obtidos por cada candidatura.
A Mesa publica os resultados mediante unha acta de escrutinio, da que entregará unha copia aos representantes de cada candidatura, aos interventores e interventoras, apoderados ou apoderadas e candidatos e candidatas que o soliciten, e ao ou á representante da Administración.
Os resultados coñécense tan rapidamente porque existe un complexo e avanzado procedemento de transmisión da información.
En cada Mesa electoral existe unha persoa representante da Administración que, unha vez concluído o escrutinio, recibe da Presidencia da Mesa unha copia da acta de escrutinio cos resultados desa Mesa e transmíteos ao centro de totalización de datos do Ministerio do Interior.
- Estes resultados que se dan o día das eleccións por parte do Goberno da Nación obedecen ao cumprimento das previsións contidas no artigo 98.2 da LOREG: “O Goberno deberá dar información provisional sobre os resultados da elección”.
- Nas eleccións ao Parlamento Europeo, a difusión provisional dos resultados non poderá ser ofrecida ata o peche das urnas no Estado membro nos que os electores votaran en último lugar.
- O escrutinio oficial e definitivo comezará cinco días despois da votación e será realizado polas Xuntas Electorais competentes. Para as eleccións ao Parlamento Europeo serán as Xuntas Electorais Provinciais.
- Os resultados oficiais son os que se publican no «Boletín Oficial do Estado»
Antes de proceder ao escrutinio definitivo, a Xunta Electoral competente constitúese en Mesa para proceder ao reconto de votos dos residentes ausentes. Ás oito da mañá, cos interventores e interventoras que designen as candidaturas concorrentes, a Presidencia procede a introducir na urna os sobres de votación das persoas residentes ausentes recibidos ata ese mesmo día e o Secretario anota os nomes de cada votante na listaxe. Acto seguido a Xunta escruta os votos e incorpora os resultados ao escrutinio definitivo.
O escrutinio xeral ou definitivo (art. 103 e ss. LOREG) realízase o quinto día seguinte ao da votación pola Xunta Electoral correspondente. É un acto único e ten carácter público.
A Presidencia estende a acta de constitución da Xunta e asínaa, así como tamén a asinan os e as Vogais e o Secretario ou Secretaria e as persoas nomeadas como representantes e apoderados ou apoderadas das candidaturas debidamente acreditados.
A sesión de escrutinio iníciase lendo o Secretario ou Secretaria as disposicións legais. A continuación procédese á apertura dos sobres (o sobre número 1 coa documentación electoral correspondente a cada Mesa) que se entregaron o día das eleccións nos Xulgados.