Escrutinio e fin da xornada
Unha vez termina a votación, comeza o escrutinio nas Mesas.
O Presidente ou a Presidenta extrae, un a un, os sobres da urna e le en voz alta a denominación da candidatura. O Presidente ou Presidenta ensinará cada papeleta, unha vez lida, aos vogais, interventores e apoderados.
Terminado o reconto, resolveranse por maioría as posibles dúbidas e/ou protestas que puidese haber. Posteriormente, a Presidencia anunciará en voz alta o resultado, especificando o número de electores censados, o de certificacións censuais achegadas, o número de papeletas nulas, o de votos en branco e o dos votos obtidos por cada candidatura ou candidato.
A Mesa fai públicos os resultados por medio dunha acta de escrutinio, da que dará unha copia ao representante da Administración e aos representantes de cada candidatura, aos interventores, apoderados e candidatos que a soliciten.
Si, dado que é un acto público, pero as persoas que asistan carecen de voz e voto, polo que non poden formular nin reclamacións nin protestas, nin interferir no normal desenvolvemento do proceso.
Calquera persoa, sexa ou non votante, ten dereito a estar presente no devandito acto sempre que o permita o local onde está situada a Mesa. Non haberá neste sentido máis restricións que as que poida expor o Presidente ou Presidenta para a conservación da orde pública.
A documentación electoral distribúese en tres sobres:
- O sobre número 1: debe incluír o orixinal da acta de constitución da Mesa, o orixinal da acta de sesión e todos os documentos aos que se faga referencia na acta de sesión. En particular, incluiranse os documentos seguintes: listaxe numerada de votantes, certificacións censuais achegadas, talóns das credenciais dos interventores, listaxe do censo electoral utilizada e as papeletas nulas ou que fosen obxecto de reclamación. Incluiranse tamén, de ser o caso, as solicitudes de reintegro de gastos do voto por correo.
- Os sobres números 2 e 3: cada un deles debe incluír unha copia da acta de constitución da Mesa e unha copia da acta de sesión.
Unha vez pechados os sobres o Presidente ou Presidenta, os vogais e interventores poñerán as súas sinaturas neles cruzando as solapas.
O Presidente ou Presidenta e os vogais e interventores que o desexen desprazaranse inmediatamente á sede do Xulgado de Primeira Instancia ou de Paz, dentro de cuxa demarcación estea situada a Mesa, para facer entrega dos sobres primeiro e segundo. A Forza Pública acompañará, e se fose preciso facilitará, o desprazamento destas persoas.
O Xuíz ou Xuíza recibirá a documentación e asinará o correspondente recibo (que debe atoparse entre a documentación da Mesa)
Un dos vogais, polo menos, debe permanecer no local electoral ata que se efectúe a entrega do sobre número 3. O Servizo de Correos enviará un empregado ou empregada á Mesa electoral que se fará cargo do sobre e asinará o correspondente recibo (que tamén debe atoparse entre a documentación da Mesa)
As persoas que integran as Mesas electorais que teñan que desprazarse ata os Xulgados de Primeira Instancia ou de Paz para entregar a documentación electoral ao finalizar a xornada electoral poderán reclamar os gastos derivados deste desprazamento á Delegación ou Subdelegación do Goberno.
Unha vez entregado o terceiro sobre ao empregado de Correos, finalizan as funcións do vogal que permanecese no local electoral.